Vivir na Praia de Beluso: Historia e tradición mariñeira
A importancia da pesca en Beluso
Cando as pesetas eran de prata, existían moedas de unha e de dúas pesetas. Os dez céntimos eran de cobre, e tamén circulaban reais de vintecinco e cincuenta céntimos. Con estas moedas pagábase ós mariñeiros que, nas súas traiñas, vendían o seu peixe ós salazóns da Praia de Beluso e arredores.
O auxe das salazóns en Beluso
Na zona, cara ao ano 1850, existían entre dez e doce salazóns, incluíndo as de Mourisca e Ancoradouro. Ata os anos 1915-1920, o porto de Beluso estaba colonizado polos cataláns, expertos en salazóns, que, atraídos pola excelente sardiña, transformaron os baixos das casas en auténticas factorías de peixe salgado para exportar a Cataluña. Un dos pioneiros e máis importantes conserveiros de Galicia e España foi Massó, que comezou na salazón arredor de 1816, con factorías en Mourisca e na Roiba, expandíndose posteriormente a Cangas e Bueu. Massó chegou a explotar un secadoiro de polbo na Illa de Ons para a súa exportación cara ó Mediterráneo.
A evolución da pesca e a salazón
As salazóns de xouba deron paso á de abadexo, que os mariñeiros de Beluso capturaban en pezas de ata vinte quilos. Co tempo, a súa abundancia reduciuse, e a media baixou a dez quilos.
Os comerciantes e empresarios comezaron a vender as súas casas a medida que a salazón deixaba de ser rendible, quedando Massó co control do mercado. A Roiba, tras ser salazón dos Massó, foi vendida cunha cláusula que prohibía retomar a actividade para evitar competencia. Así, Massó monopolizou o mercado da zona, abastecendo tanto ós cataláns que regresaban como ós franceses, bos clientes da salazón galega.
O papel das mulleres no transporte do sal
O sal traíano en balandros a vela, e, unha vez varados na praia, descargábase sobre tablóns. As mulleres transportábano en «muñicos», cestas de bimbio, vestidas coas súas toquillas e faldas longas. Recibían o seu pagamento en especie, levando unha ou dúas fanegas de sal para conservar o seu porco e peixe durante o ano. Neste contexto, era considerado rico aquel que tiña porco e peixe salgado na súa casa.
A transformación das antigas salazóns
Moitas das antigas salazóns transformáronse en escolas, cetáreas, estaleiros ou carpinterías de ribeira. Outras continúan sen uso definido, mentres que algunhas foron reformadas en vivendas modernas ou convertidas en negocios, bares e almacéns.
No caso de «A Centoleira», hoxe un restaurante de referencia e anteriormente coñecido como «La Vizcaína», asentouse nos terreos adquiridos a finais do século XIX a Agustín Plá y Avalle. O local, entón chamado «Encascador y Atadero de Redes», incluía unha «Estacada o Secadero de Aparejos con sus pilastras de granito a orillas del mar». A compra realizouse por catro mil cincocentas cincuenta pesetas, pagadas en boa parte con moedas de prata.
Xulio Laiseca
Baseado nas memorias da miña nai, Florentina Estévez Lorenzo, 4ª xeración de La Vizcaína – A Centoleira Restaurante Centenario.
Ano 2016